O Entroido galego no CD Cospeito

Alá por xaneiro do 2020, nunha conversa cos usuarios do centro de día de Cospeito sobre o Entroido da súa xuventude, explicáronnos as distintas tradicións que había nas zonas nas que vivían, e a perda progresiva destas co paso dos anos. Sobre todo, chamounos a atención a existencia dos Faroleiros de Loentia, personaxes que non coñecíamos e que nos resultaron moi interesantes.

A raíz desta conversa, posto que os usuarios falaban con tanta paixón das tradicións e do ben que o teñen pasado, xurdiu a idea de recoller información dos distintos disfraces tradicionais de Galicia, e recuperar algo dese Entroido dende o centro.

Tras unha chuvia de ideas, recordamos que o ano anterior (2019) o centro de día gañou un premio nun concurso de caretas, no cal presentamos unha pantalla de peliqueiro feita con material de refugallo que representaba o escudo de Cospeito e a nosa Lagoa, e consideramos que podíamos repetir esta experiencia, e elaborar diversos disfraces típicos do Entroido galego.

O que ao principio ían a ser un par de máscaras, rematou coa elaboración de nada máis e nada menos que 18 disfraces completos típicos do Entroido de Galicia. Usuarios e persoal deixamos voar a nosa imaxinación e creamos todo con material de refugallo, chegando a aproveitar ata a bandexa do roscón de reis!

Unha cousa levou a outra, e cando vimos que tiñamos tanto material, decidimos organizar un desfile nas instalacións do centro para as familias dos usuarios e todos os membros da comunidade que desexaran participar.

Elaboráronse os disfraces máis coñecidos de cada zona. De Ourense temos o Felo de Maceda, a Pantalla de Xinzo de Limia, o Boteiro de Viana do Bolo, o Vellarón de Castrelo de Cima, a Mázcara de Manzaneda, o Troteiro de Bande, a Pita de Eiroás, o Vergalleiro de Sarreaus, o Boteiro de Vilariño de Conso, a Bonita de Sande e o Galo de San Pedro da Mezquita (xa vedes que esta provincia ten unha cultura de Entroido moi prolífera).

De Lugo temos os Xenerais do Ulla, os Volantes de Chantada, o Oso de Salcedo e os Faroleiros de Loentia (os cales inspiraron esta idea), e de Pontevedra temos os Merdeiros de Vigo e as Madamas e Galáns de Cobres. Fixemos carteis explicativos de cada un deles, nos cales expoñemos a historia de cada disfrace e como o elaboramos. Houbo algúns que non confeccionamos pero que si estaban explicados: o Cigarrón de Verín e o Peliqueiro de Laza (non se elaboraron pola súa similitude co Felo de Maceda), o Loro Ravachol de Pontevedra e os Choqueiros de A Coruña.

Ademais, o Concello cedeunos as instalacións do Museo das Aves para organizar neste unha mostra do material creado. Por desgraza, a mostra chegou a inaugurarse, pero nada máis, posto que chegou o COVID e as visitas programadas tiveron que cancelarse.

Esperamos que cando todo isto pase, poidamos volver a invitarvos para que vexades todos o traballo que realizamos e a enorme cultura que conforma Galicia e que aquí representamos.

Desfile de Entroido no CD Cospeito