Andaina polo medio ambiente. Oxalá pronto poidamos repetir!

Andaina polo medioambiente. Centro de día - Lagoa de Cospeito

Dende o Centro de Día de Cospeito sempre nos enorgullecemos de facilitarlle aos nosos usuarios, ás súas familias e a todos os membros da comunidade actividades de esparcemento, tanto no centro como nos diversos espazos que nos ofrece a contorna.

Debido á situación actual por mor do covid, este tipo de actividades non se poden levar a cabo, e aínda que seguimos realizando tarefas moi dinámicas, estas redúcense só aos espazos do centro e entre os propios usuarios, que ademais deben estar divididos en grupos. Posto que esta non é só a realidade do noso centro, senón a de todos, decidimos compartir con vós unha actividade que realizamos o pasado 26 de xuño de 2019, para motivarvos e recordarnos a todos que isto pasará, e poderemos volver a desfrutar todos xuntos destas dinámicas que tanto nos gustan.

A raíz do día mundial do medio ambiente (5 de xuño), realízase un coloquio cos usuarios do centro para coñecer a súa opinión sobre o medio ambiente, os hábitos contaminantes e a posta en valor dos espazos naturais. Tras isto, decidimos organizar unha andaina pola Lagoa de Cospeito, espazo natural protexido e pertencente á Rede Natura 2000 que se atopa preto do noso centro de día, e convidamos a acompañarnos ás familias dos usuarios e a todos os membros da comunidade que desexasen participar, posto que consideramos que un dos maiores beneficios destas actividades é abrirnos á comunidade e crear ese sentimento de pertenza e unión.

Finalmente, o 26 de xuño do 2019 un total de 27 persoas entre usuarios, familiares, traballadores e membros da comunidade realizamos esta andaina polo medio ambiente, saíndo todos xuntos do centro de día e achegándonos á Lagoa de Cospeito, percorrendo parte da súa ruta ata un dos primeiros observatorios ornitolóxicos, no cal nos detivemos a observar as aves coa axuda de prismáticos.

Unha vez de volta no centro, compartimos todos xuntos unha charla moi amena mentres desfrutábamos dun refrixerio. Esperamos que esta situación mellore e pronto poidamos volver a desfrutar destas actividades que tanto nos gustan e nos enriquecen, podendo aproveitar os recursos e espazos naturais que nos ofrece a contorna e, sobre todo, desfrutar novamente da compañía dos nosos familiares, amigos e veciños.